Emisión: Xoves, 04.04.2013

“A REVISTA” UTILIZARÁ O “PASAPORTE” DA RUTA DO VIÑO
RÍAS BAIXAS POLA MAÑÁ E PROBARÁ OS BENEFICIOS
DA AURICULOTERAPIA NUNHA CLÍNICA DE SANTIAGO POLA TARDE

O programa “A Revista” fará hoxe uso do particular “pasaporte” da Ruta do Viño Rías Baixas, que durante a Semana Santa e ata o vindeiro 7 de abril ofrece unha serie de propostas especiais que permiten gozar ao máximo do mundo da enoloxía, como promocións en adegas, destilerías, aloxamentos e restaurantes. Para coñecer os beneficios desta singular iniciativa, o espazo da TVG visitará en directo no Rosal a adega Terras Gauda.

“A Revista” tamén se achegará a outro produto galego de calidade: o aceite. O programa viaxará en directo á localidade lucense de Quiroga, onde xa levan varios anos apostando pola recuperación da oliveira e cuxa experiencia está estendendo o interese por este cultivo a outras zonas como a comarca de Valdeorras.

Ademais, o programa conducido por Beatriz Moyano recibirá a visita do Xabarín, o porco bravo da Galega, quen falará do Premio de Honra Mestre Mateo que o espazo “Xabarín Club” recollerá o vindeiro sábado na undécima edición dos galardóns. “A Revista” tamén conversará co xornalista Alfonso Pérez, director do programa da TVG “Reporteiros”, candidato ao Mestre Mateo ao mellor programa de televisión.

A REVISTA DA TARDE

Xa pola tarde, o programa interesarase polas innovadoras terapias postas en marcha pola clínica de fisioterapia RPS Recuperación Funcional Santiago, un centro pioneiro en acupuntura magnetoterápica e en auriculoterapia. O espazo presentado por Quique Morales comprobará en directo os beneficios desta última técnica, que traballa estimulando as zonas reflexas que existen na orella e que serve para tratar diversas afeccións como ansiedade, estrés, sobrepeso ou compulsión pola comida.

Por outro lado, os espectadores de “A Revista da Tarde” coñecerán hoxe o programa de sensibilización sobre a violencia de xénero posto en marcha nos centros educativos da comarca de Ordes. O policía Alejandro Gómez, encargado de darlles as charlas aos rapaces, explicará as características dunha iniciativa que ten como obxectivo concienciar a xuventude sobre a verdadeira magnitude deste problema.

Ademais, o espazo da Galega contará cun consultorio legal, a cargo da avogada Carmen González Ferro, onde se abordarán distintas cuestións sobre o control de identidade e as situacións en que pode ser obrigatorio identificarse.